Tuesday 30 de April de 2024

O concello renova o convenio coa Xunta e Fegamp do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa velutina


Calquera cidadán que detecte un niño no termo municipal da Laracha debe contactar co 012 para que se proceda á eliminación ou neutralización.

A Xunta de Goberno Local acordou, na reunión ordinaria celebrada hoxe, renovar o convenio de colaboración entre o Concello, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa velutina.
En virtude do acordo, mantense a disposición da cidadanía larachesa o sistema de avisos a través do 012, o número de teléfono aO que debe dirixirse calquera persoa que detecte un niño de velutina para que a Xunta proceda á súa eliminación ou neutralización.
Ademais, o Concello comprométese a continuar desenvolvendo iniciativas municipais como a que está en marcha desde febreiro. Por unha parte, unha empresa especializada no control de pragas colocou un centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en espazos verdes, parques e prazas de titularidade pública. E por outra banda, o Concello ten a disposición dos laracheses atraínte para que calquera veciño poida empregalo nas trampas das súas fincas.
O número de raíñas capturado en cada emprazamento será comunicado á Xunta de Galicia para contribuír na elaboración do mapa coas localizacións con maior presencia de avespa velutina.